A noite de Uxía

Tremendo concerto de Uxía http://www.uxia.net/ onte no Bar Liceum do Porriño http://www.barliceum.com/principal.htm. Coa sua voz de mel encheu a calurosa noite e levouse ao publico, amigos e familia a vivir no ceo, case voamos nas ás do seu cantar. Grazas, Uxía, irmá.
Pero despois... Aventura na madrugada!
Ás tres e media da mañá, Aldara, a miña filla que xa sabe facer de nai comigo (ben!), xa estabamos por fin na cama... Pero antes...
Un home descoñecido chega xunto de nós no medio da noite. Baixase do seu coche... E axudanos a quita-lo noso do medio da estrada, xusto fronte a nosa casa de Peitieiros, alá arriba naquel monte baixo o alto de San Antoniño, en Gondomar.
Pero antes...
Chegamos co coche a casa e, daquela máis das dúas da madrugada, e cando lle vou dar volta para que quede cara á costa abaixo, callase. Non da arrincado. Non entran ben as marchas. Estamos no medio da estrada. O coche tapa-la enteira. Dunha beira a outra. Saímos. Corre, corre, ponte o chaleco reflectante, toma este triángulo, pono alá, na estrada. Chamo a urxencias. Chámame a Garda Civil. Nada, non se preocupe que por esa estrada non pasa agora ninguén, chame á asistencia do seu seguro para que lle retiren o coche, boas noites. Empurramos e empurramos, case rompo as sandalias de barre-lo chan de Cans na madrugada da derradeira noite, Aldara case rompe o seu lombo. Pero por fin o coche xa só tapa un carril. Chamo. O guindastre virá en media hora. Pero logo vou te-lo que chamar de novo porque o coche estará xa ben aparcado. Axudaranos o señor descoñecido, e o guindastre virá mañá pola mañá, ou sexa hoxe. O señor chamabase Carlos e era igual que Cuesta, o de Sete Vidas, quédese señor Cuesta...
Pero antes...
O coche sube pola autoestrada desde O Porriño. Estivemos a tomar unhas canas na terraza do Liceum cos do grupo de Maxi, coa retranqueira Vanesa a pandereteira e aprendín qué facer coas abellas e as colmenas falando con Jose. Falamos con Uxía, do ben que canta e que chorei chorei coa casiña branca, do ben que tocan e o ben que están os dous músicos que van con ela (que están por alí pero non falamos con eles, glups). Contan historias dos seráns, que se querías bailar comigo, que se eu contigo non vou quitar un baile nin tola... Gustaríame saber bailar para poder face-lo propio nun serán. Pero nunca estiven nun serán, que divertido soa cando falan eles dun.
Penso que igual dou unhas clases para aprender a bailar e o coche non está dacordo, porque se vai quedando na costa, e case non sube, ai miña naisiña, que imos en segunda e esto non da rematada a costa, fai un ruído estraño. Chegamos ao cumio, o coche baixa, pero cando ten que subir, se vai quedando.
Fago todos os símbolos Reiki que coñezo e algúns máis que invento, e bótolle a enerxía por riba do motor, cunha man para abaixo e outra para arriba para que caia a enerxía do universo. Fagoo, sen fe, pero fagoo.
Igual vai ser por iso que sube o coche, e baixa ata Gondomar, e sube todo todo ata Peitieiros e só se para de todo cando estamos xunto á nosa casa, e cando xa non esperamos nada, vai ser por iso que vai chegar un home que ía de Tui a Morgadáns e que nunca colle pola nosa mini estrada e onte, cando viu o cruzamento da principal ata Gondomar para Couso e Peitieiros, dioulle por coller por alí, as dúas e media da mañá, polo medio do bosque, todo escuro, sen farols, unha estrada estreita e chea de curvas que el non coñecía. E chega e nos axuda e nós podemos chegar á cama e lembrar a voz de mel de Uxía que enche aínda as nosas almas.

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Inamovibles. Del cuaderno a la Red sin red.

Encuentro fortuiro. Del cuaderno a la Red sin red.

La reinvención en tiempos convulsos